Sunday 05 de May de 2024

A Xunta Local de Seguridade constata que A Laracha é un concello seguro


O alcalde avanzou que a nova RPT, en fase de redacción, contempla un total de once efectivos para a Policía Local.

Esta mañá celebrouse no Concello da Laracha unha reunión da Xunta Local de Seguridade, sesión que estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno na Coruña, Eva Vázquez Castelo; a xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Isabel Álvarez; a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; o sarxento comandante do posto da Garda Civil da Laracha, Miguel Rodríguez; o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira; e o xefe da Policía Local da Laracha, Víctor Vilanova.

A principal conclusión da xuntanza foi constatar que A Laracha é un Concello seguro. Así o reflicten os datos oficiais expostos, que indican que o índice de criminalidade no termo municipal (27,03 delitos por cada mil habitantes e ano) é practicamente a metade da media estatal (49).

Tamén se puxo de manifesto un descenso do 8 % con respecto ao ano pasado do número de delitos graves cometidos no termo municipal. No último informe anual rexistráronse 20 delitos leves (coñecidos anteriormente como faltas) máis que no anterior, sendo a maior parte deles delitos telemáticos e de escaso importe económico.

Aínda que un dos motivos da convocatoria desta reunión foi os recentes roubos denunciados tanto en establecementos comerciais como en vivendas larachesas, tanto a Garda Civil como a Policía Local explicaron que se trata de accións puntuais, que a situación está controlada e que as investigacións para dar cos responsables están moi avanzadas grazas á colaboración cidadá.
Neste sentido valorouse a excelente comunicación, cooperación e coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local que facilita a ambos corpos de seguridade o desenvolvemento do seu labor para beneficio xeral da cidadanía larachesa.

O alcalde, José Manuel López Varela, tomou a palabra para detallar a situación actual da Policía Local e a previsión para a futuro. Nestes momentos o Concello conta con seis efectivos (un oficial e cinco axentes) e unha praza vacante que se sacará en próximas datas. Ademais, a finais de este mes incorporaranse tres auxiliares, polo que contará con nove efectivos durante o verán, a época do ano con maior número de eventos multitudinarios, para unha poboación de 11.600 habitantes segundo os datos do padrón municipal.

O rexedor explicou que no pasado mes de outubro foi adxudicada a Tudó Consulting a redacción da nova relación de postos de traballo (RPT) para todo o persoal municipal, que contempla un notable reforzo para a Policía Local que pasará a dispoñer dun total de once efectivos (dous oficiais e nove axente). Isto posibilitará aumentar a presenza policial e a prestación do servizo durante maior número de horas.
Por último, Ana Aldao, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), sumouse á Xunta Local de Seguridade para expoñer o labor desenvolvido polos diferentes departamentos municipais en materia de loita contra a violencia de xénero. Entre outras temáticas, destacou a implicación dos diferentes sectores profesionais (educación, sanidade, forzas e corpos de seguridade e o persoal propio Concello) nas reunións trimestrais das mesas de cooperación interinstitucional sobre esa materia e puxo en valor a atención máis especializada que se está a ofrecer ás vítimas grazas á coordinación da Policía Local da Laracha co equipo VioGén do posto da Garda Civil de Carballo.